search_left
"Unha ventá para o recordo"
A Vilagarcía antiga
 

XESÚS ALONSO MONTERO 

Catedrático Emérito da Universidade de Santiago de Compostela

Ex-presidente da Real Academia Galega

 
Vign_IMG-20170629-WA0001

Sempre se di que as persoas mais grandes levan a humildade por bandeira.  Que dicir de Xesús Alonso Montero, persoa culta, amable, afable, humilde e enormemente xeneroso. Don Xesús, como lle chamamos case todos, é un libro aberto. Un libro de páxinas incontables co que calquera pode estar horas escoitando ainda que só sexa o prólogo. Un prólogo rebosante de vivencias, de experiencias e de coñecemento. Don Xesús brinda sabiduría a raudales. Sabiduría contada maxistralmente, de forma pausada, sosegada. Hoxe síntome afortunado. Un dos intelectuais máis importantes e destacados deste país, nun alarde desa humildade que o caracteriza, escribe para A Vilagarcía Antiga. No seu artigo fai referencia a un vilagarcián descoñecido, inxustamente subestimado e merecedor do recoñecemento da vila que o viu nacer; JUAN GARCÍA DURÁN (1915-1986). Grazas D. Xesús. - J. C. Porto

 
A extraordinaria personalidade intelectual e política dun vilagarcían descoñecido ou subestimado na súa comarca natal : JUAN GARCÍA DURÁN (1915-1986) 
Por Xesús Alonso Montero
 
 
Foi, en efecto, unha personalidade extraordinaria como político e como intelectual. O seu berce, lonxe de ser dourado, foi no seo dunha familia moi humilde; tan humilde que os fillos, aínda en idade escolar, tiñan que abandonar a escola e, antes da adolescencia, procuraren algún traballo para levaren unhas cadelas á casa. 
Rapaz aínda, García Durán xa traballaba de carpinteiro, e, desde moi novo, militou una C.N.T. moi activamente. No mundo mariñeiro de Galicia, daquela, o anarquismo estaba máis presente que outras respostas proletarias (socialismo, comunismo). O ideario e o formulario verbal do anarquismo tiñan un encanto especial para centos de parias do mundo dispostos a erradicaren as inxusticias sociais e os poderes que as mantiñan.
Aí estaba o noso Juan García Durán desde moi novo; o García Durán que, con moi poucos estudos primarios, décadas despois vai ser un erudito bibliógrafo, un apaixonado filólogo e doutor pola Sorbona (París). Tamén foi unha biografía admirable. Chamar, chamábase Luis Costa García, e con este nome ingresa no cárcere da Coruña en 1936, primeiro capítulo desde antifranquista radical. En realidade, a prisión coruñesa foi a súa primeira universidade, pois nela impartía clases de Letras e de Grego clásico un preso galeguista,  Cesáreo Saco, cidadán de moitos saberes e explicador de notorias virtudes pedagógicas (eu coñecino e tratéino, e tamén coñecín a exalumnos seus, todos admiradores daquel gran pedagogo). Foi colega de García Durán, nas clases de Grego clásico (non nas de letras)  i o doutor Francisco Comesaña, Comunista, preso tamén, desde 1936.
García Durán, despois dun periplo carcerario de sete anos, sae en “liberdade” da prisión de Alcalá de Henares, en maio de 1943. Como é un loitador, agora máis sabio (con máis saberes) e máis consciente, malia o terrible sistema policial e represivo, insínese nas actividades clandestinas da cidade da Coruña, e dous anos despois, en Madrid, onde, pasado algún tempo, coñece a Ramón Piñeiro, secretario político na clandestinidade, de facto, do Partido Galeguista. O propio Piñeiro, nas súas memorias, conta como foron detidos o 09 de abril de 1946, no café Pidoux, na rúa Gran Vía (Madrid), e tamén conta as fuxidas, verdadeiramente novelescas, de García Durán.
“…a policía irrompeu no local e procedeu á detención dos presentes… Para evitar o escándalo, metéunos nun estanco que había ó lado, e atáronnos os pulsos con cables da luz. Aproveitando a confusión, Juan García Durán, galego da CNT, botouse a correr pola Gran Vía arriba, e logo, acosado pola policía, pegou un salto cara ó centro da rúa e tratou de fuxir, pero disparánronlle e deixárono ferido no chan. Posteriormente conducírono a unha clínica de onde conseguíu fuxir burlando a vixiancia, pero capturárono de novo. Logo condenárono a morte, pero por fortuna, logrou evadirse outra vez e sair de España. Anos despois , como contarei máis adiante, atopeino nos Estados Unidos, casado cunha francesa e convertido en autor dunha moi coñecida bibliografía sobre a Guerra Civil Española (Da miña acordanza. Memorias pp. 87-88)”
 
A “caída” do 09 de abril de 1946, tivo consecuencias e un dos seus tentáculos chegou á pousada madrileña na que se hospedaba Piñéiro. Nela alóxábanse dous galeguistas, Cesáreo e Camilo Saco, e un nacionalista vasco, Koldo Mitxelena, que xa coñecía os  cárceres franquistas pola condición, na Guerra Civil, de gudari, de soldado vasco,. Tamén os irmáns Saco estiveran no cárcere, onde Cesáreo exercera de profesor de varios colegas de infortunio, entre eles, García Durán. De novo na prisión de Alcalá de Henares, Cesáreo Saco vai ter un notable protagonismo docente: explicará “gramática galega a uns compatriotas  que cumplían penas con nos…case todos comunistas”, conta Ramón Piñeiro. Non podo pasar por alto este feito pedagóxico, relatado por Piñeiro en dúas liñas. 
Cos datos que hoxe temos, podemos afirmar que é a primeira vez na historia  en que alguen explica gramática galega a un grupo de persoas. Aconteceu no ano 1946 (ou no 1947), e aconteceu nunca “cátedra” ventureira, que tiña o seu estrado nunha prisión do pais cuxo Réxime – o de Franco- non só prohibía a presenza do idioma galego nas escolas e noutros centros de ensino, senon que perseguía ás persoas que eran partidarias dun postulado pedagóxico, vixente en moitos paises, segundo o cal, o idioma dos nenos, lonxe de ser estigmatizado, debería ser estimado. Cando Piñeiro afirma que “case todos” os alumnos eran comunistas, fainos saber, vindo del, que ata os comunistas, pouco proclives ás causas “rexionáis” , se interesaron polo estudo gramatical do seu idioma, o que tamén é unha gabanza ás características didácticas do profesor; profesor – cumpre telo moi en conta- que tamén impartíu, para prisioneiros de moi diveresa índole, clase de gramática castelá. Nelas descubríu García Durán, coa importancia dos idiomas, o seu compromiso cos saberes filolóxicos. De feito, no ano 1962, publica, en México, un libro co título “Gramática española. Por qué la Gramática es una Ciencia” , libro no que estampa esta dedicatoria “A Cesáreo Saco, mi buen maestro y amigo. Si esta Gramática representa algo, es mi firmeza y devoción a lo que de ti he aprendido”.
Naquela prisión, a de Alcalá, tamén coincide con Koldo Mitxelena, que xa ía para sabio tanto en Lingüística Indoeuropea, como el Lingüística vasca. Demostrarano poucos anos despois.
García Durán fúgase  en 1949 da prisión de Yeserías (Madrid), e a partir desta data, un dilatado éxodo, lévao a Francia, Estados Unidos, Australia…. Chega a aprender oito idiomas, o ruso entre eles, e a impartir clases de galego en Montevideo no ano 1965.
Da súa bibliografía compre salientar dous importantísimos volúmenes: Bibliografía de la Guerra Civil española (Montevideo, El Siglo Ilustrado, 1964), e Guerra Civil espagnole 1936-1939. Interventions sur mer” , que é a súa tese de doutoramento na Sorbona, dirixida en 1975 polo eminente historiador marxista Pierre Vilar.
Existe unha edición moi ampliada da Bibliografía que se publicou en Barcelona, na editorial Crítica, no ano 1985, moi pouco antes do falecemento do autor.
Por carta a Ramón Piñeiro de 1966, sabemos que García Durán, nesta altura, estaba moi lonxe de ser un devoto da CNT. Así llo comunica ó vello amigo: “Eu coido que xa che dixen que a CNT pasou á historia, e solo busca o mellor xeito de conseguir un enterro de primeira. Eu, quizais por non poder renunciar ó que fun de todo corazón, sigo pertencendo a este enterro, non coma morto, senon como formando parte do acompañamento que, despois de enxugar moitas bágoas, volverá a súa vida. Quero decir con esto que seguirei ó morto ata a cova, porque me parece que desde xeito, cumplo con meu deber. Despois xa veremos qué pasa no mundo… (13-08-1966).
O anarquismo non suscitaba no mundo a enerxía e as ilusións que suscitaba en España nos anos 30, as datas nas que García Durán se comprometeu, con entusiasmo, coa idea tan presente e actuante na República e na Guerra Civil. Agora en 1966, Juan García Durán, parece estar un pouco afastado de calquera loita revolucionaria, e fai o que outros intelectuais fixeron en situacións semellantes: escribir sobre o pasado vivido. Ou, dito doutro xeito, contar a historia e non facela. 
Juan García Durán, alias literario de Luis Costa García, non é profeta na súa terra. En Vilagarcía de Arousa, non hai unha rúa que o lembre, ou unha placa que evoque a súa casa natal. Home de moi pouca instrucción, porvir da nación sociolóxica dos pobres  do mundo, non tardou en decatarse da importancia do saber, e algúns saberes aprendeu dos presos republicanos entre 1936 e 1949. Froito destas “universidades”, da súa inteligencia e do seu compromiso coa mesma causa intelectual, foron os libros que escibíu, algún de notable entidade. Pois ben, o nome deste inteletual non figura, en Vilagarcía, no frontispicio dun colexio, dunha escola, ou dun auditorio cultural. García Durán, antes e despois da II Guerra Mundial, estivo sempre á beira dos que sofren a historia, sempre coa causa dos oprimidos, que se saiba, este nobre cidadán, este peculiar intelectual, nunca foi homenaxeado en Vilagarcía, onde parece que os privilexiados gobernan desde 1986, ano no que faleceu o gran García Durán. Todo fai supoñer que os privilexiados –ou os seus representantes- non descansan á hora de borrar da historia a todos aqueles que dedicaron a súa vida á causa dos non privilegiados e á nobre tarefa de demostrar que a intelixencia, se non é crítica, non é intelixente.
 
 
Vigo, 06-07-2018.
 
 
Comentarios
No hay ningun comentario
 
Vign_Cartel_Montero
 
Vign_cartel_2
 

ARTIGO

A extraordinaria personalidade intelectual e política dun vilagarcían descoñecido ou subestimado na súa comarca natal: JUAN GARCÍA DURÁN (1915-1986)

 

JUAN GARCÍA DURÁN

Vign_juangarcia
 

ARTIGO

MARX E AQUILINO NA VILAGARCÍA DE 1939

Por Xesús Alonso Montero

 
Vign_Alonso_Montero_la_voz_copia_copia

Quen residía en Vilagarcía de Arousa, nese ano, era Carlos Lessner,  afillado de Karl Marx. Nada sabia eu ata xullo de 2013, data na que lin unha Autobiografia de Aquilino Iglesia Albariño contada en terceira persoa. Tal texto foi publicado por primeira vez nun volume de poemas casteláns de Aquilino exhumados por Edicións A Pedrosa no ano 2011. Ninguén, no volume, se responsabiliza da edición e das eruditísimas notas, pero todo fai supoñer que se deben a Aquilino Iglesia Ferreirós, fillo do gran poeta e latinista (1909-1961).

Nas dezaseis páxinas desta utilísima autobiografía, Aquilino, ao referirse ao ano 1939, dános esta sorprendente noticia: «Estudia inglés con un ahijado de Carlos Marx, que reside en Villagarcía, Carlos Lessner, hijo de emigrados alemanes, dueño de una gran biblioteca. Por su intermedio llega a los clásicos latinos de Oxford en los deliciosos tomos de 6 chelines...» (p. 20)

En efecto, Carlos Lessner era fillo dun dos grandes amigos e camaradas de Marx, Friedrich Lessner, emigrado (exiliado) en Inglaterra fuxindo, como outros revolucionarios do 48, da queima. Cando, no verán, lin este parágrafo quedei abraiado. Eu non sabía que alguén tan relacionado co marxismo fora tan decisivo na formación de Aquilino como filólogo clásico. Foi Lessner, afillado de Marx, quen puxo en contacto ao estudoso galego coas magníficas edicións dos clásicos latinos, mercé aos cales gañaria, por oposición, a cátedra de Latín do instituto masculino de Lugo en 1949.

Lida a sorprendente noticia, mobilicei en Vilagarcia ao meu amigo e camarada Teo Cardalda para que localizase na prensa, nos arquivos ou onde fose a presenza de Carlos Lessner. O meu amigo, erudito como poucos en historia local, non tardou en relacionarse co músico Juan Carlos Porto, sobriño-neto do afillado do revolucionario alemán. Hai días, da man do Cardalda, visitei no seu estudo a Porto, home aberto onde os haxa. Proporcionoume, entre outros documentos, unha páxina de La Voz de Galicia do 7 de marzo de 2013, que é unha reportaxe - con foto do protagonista— da xornalista Susana Luaña. Como eu non leo a edición arousá de La Voz, ignoraba esta reportaxe redactada con datos proporcionados por Juan Carlos Porto: Lessner (1879-1952), enxeñeiro de minas, casou no ano 1909 en Vilagarcía con Josefina Porto Rey, filla dos seus pousadeiros, e foi profesor de inglés no Colexio León XIII, do que era director Aquilino Iglesia Alvariño. Pola nota autobiográfica que exhumo, sabemos que Lessner foi profesor de lingua inglesa (particular) de Aquilino, lingua que lle foi moi útil, sen dúbida, para consultar as edicións bilingües procedentes de Oxford recomendadas polo afillado de Marx. Nunha foto aparece con Aquilino e outros profesores do Leon XIII, entre eles, Xosé María Díaz Castro.

Fonte : La Voz de Galicia

Vilagarcía, Patrimonio e historia