O escritor arousán declarou en varias ocasións que a súa vocación frustrada era ser militar, porén non lle molaba tanto como para facer o servizo militar, pois a súa familia pagou cando él era mozo a redención en metálico para libralo de quintas.
Nunha ocasión confesoulle ao seu amigo, o diplomático e escritor mexicano Alfonso Reyes: “Yo no soy escritor. Yo soy militar. Es decir, que, por una parte, contemplo las cosas panorámicamente, “a ojo de águila”, como contempla el guerrero su campo de combate; y por otra, acometo siempre las obras por rapto de audacia, a lo militar. Lo primero explica los asuntos; lo segundo, los procedimientos”.
Na familia de Ramón del Valle-Inclán houbo quen elexiu a carreira das armas, como Antonio Florencio del Valle, virrei que foi de Catalunya e Valencia, ademáis de tenente xeneral, ou o mariscal Antonio Luis del Valle, ou Manuel Antonio Saco Bolaño, responsable das Milicias Urbanas Rurais da Pobra do Caramiñal, e, finalmente, Carlos Luis del Valle-Inclán Malvido, señor que foi do pazo de San Lourenzo de András, a “casa hidalga” próxima a Flavia-Longa en “Romance de lobos” que nós identificamos con Vilaxoán de Arousa.
Na súa biblioteca, Valle-Inclán posuía un bo número de documentos relacionados con aspetos da vida militar, algún herdado diretamente dos seus familiares: memorias, biografías, prontuarios de manobras, bandos militares, conferencias sobre a “arte militar”, guías, álbumes, diccionarios..., a meirande parte en castelán, algún que outro en francés, o que demostra o seu interese por estos temas, canto menos nalgunha etapa da súa vida. O capitán Salvador Sediles adicoulle o seu libro titulado “¡Voy a decir la verdad!”. Foi un dos sublevados en Jaca en 1930 e resultou condeado xunto aos seus compañeiros Galán y García Hernández, porén no seu caso a execución non se levou a cabo. Colaborou na coleción de relatos curtos “La Novela Proletaria” entre 1932 e 1933 xunto a César Falcón, José Antonio Balbontín, Ángel Pestaña e Ramón Franco, entre outros. Foi deputado nas Cortes Constituientes formando parte do grupo coñecido como “Los jabalíes” xunto a Ramón Franco, José Antonio Balbóntín e Eduardo Barriobero.
O escritor galego mudou durante a súa vida de opinións políticas, como é sabido e até resulta natural: do carlismo militante dos seus anos mozos e non tan mozos, evoluiu cara posicións máis progresistas e liberais, mesmo significouse na defensa do réximen republicano, e non só con opinións verquidas na prensa, senón tamén con manifestacións públicas cargadas de alto significado político. Cecais resulte difícil encaixar a taracea da súa biografía: federalista, tradicionalista, iberista, aberto ás influencias hispanoamericanas, escritor galego... en castelán, republicano..., varias facianas dun mesmo persoaxe, en ocasións contraditorias. Pero tirar da corda para arrastrar ao persoaxe a unha determinada posición, leva aparellado un problema: espir de sentido a súa andaina vital e dar gato por lebre coxa, vaian vostedes a saber con qué intencións.
Hoxe gostariamos de ofrecerlles algunha noticia sobre episodios da vida de Ramón del Valle-Inclán relacionados cos militares e a milicia.
En primeiro lugar, citar o dado que aportou Amparo de Juan, profesora da Universidade de Santiago de Compostela e especialista en Ramón del Valle-Inclán, da conferencia que sobre estratexia militar impartiu o escritor, nen máis nen menos, que na Academia de West Point en decembro de 1921, un día antes de se embarcar no buque “Britannia” de regreso a España.
A título de curiosidade, diremos que nunha entrevista publicada no número 22 da revista madrileña Estampa, a esposa do futuro “caudillo” (de quen rematamos de nos enterar, grazas aos venerabeis sabios que aniñan na Real Academia da Historia, que non foi un “dictador”) Francisco Franco, declarou que o autor predilecto do seu home era... Valle-Inclán, de quen tiña todas as súa obras na biblioteca, “Tirano Banderas” incluido.
O 14 de xullo de 1922, o xornal madrileño La Voz publicaba un artigo de Roberto Castrovido que ponnos sobre a pista dun manifesto que solicitaba medidas contundentes polo coñecido como “Desastre de Annual”, asinado por Julio Camba, Augusto Vivero, Manuel Ciges Aparicio, Enrique López Alarcón, Valle-Inclán, Marcelino Domingo, Manuel Bueno, Ramón Pérez de Ayala, F. Aznar Navarro, Antonio de Lezama e Rafael Calleja. Este é o texto:
“El Consejo Supremo de Guerra y Marina da en estos momentos la sensación confortadora de que en España es aún posible la justicia. Lo más trágico de la tragedia de Annual no era ya el número de vidas segadas, sino el convencimiento, prendido en el alma de todos, de que por aquel desastre, como por el desatre de 1898, no se exigiría nunca responsabilidad. El Consejo Supremo de Guerra y Marina vuelve al alma la confianza.
Nosotros, que creemos que el mal de que muere España es éste, la desconfianza, queremos custodiar con nuestro aliento a este Consejo que dive (sic) va a hacer justicia. Deseamos formar una opinión tensa, viva, en torno de él, para que no desmaye, para que no le hagan mella las influencias de corrupción que pueden llegarle por todos lados. El gesto de estos jueces militares puede ser la dignificación ante la Historia de esta hora bochornosa de la vida española. Y la civilidad, que no ha sabido ser juez, podrá con este gesto encontrar un noble ejemplo de conducta.
15 de julio de 1922”.
Hoxe traemos ás páxinas de Patrimonio Vilagarcía o relato da amizade que mantivo cun militar republicano, (1)-Julio Mangada Rosenörn, que pensamos pode resultar de interese para vostedes.
Manuel Azaña ocupaba o cargo de Ministro da Guerra no gabinete presidido por Alcalá Zamora cando, en xuño de 1932, aconteceron unha xeira de movementos de tropas na bisbarra de Madrid, concretamente en Carabanchel. O xeneral Villegas trasladou, sen coñecemento do Ministro, tres reximentos de infantería para que a tropa escoitara os discursos críticos dos xenerais Goded, Caballero e o mesmo Villegas, contra a política militar que estaba a desenvolver o goberno e o proxecto de Estatuto de Autonomía para Catalunya.
O tenente coronel da arma de infantería, Julio Mangada, que asistía ao acto, amosou a súa disconformidade e tivo algo máis ca protocolarias palabras con Goded, unha situación que rematou francamente mal: o xeneral Villegas ordeando o arresto do tenente coronel, e Manglada, despois de desembarazarse da guerreira, pisoteando a prenda.
O 10 de agosto, o xeneral Sanjurjo érguese en armas contra o goberno republicano que logra controlar a grave situación. Ese mesmo día, unha comisión do Ateneo de Madrid, que presidía o escritor arousán, visita ao presidente do Congreso para “exponer su adhesión incondicional al gobierno”.
Imaxinen o ambente que se respiraba ese mesmo día no banquete homenaxe que máis de 300 comensais ofereceron ao doutor Pío del Río Hortega co gallo do seu nomeamento como director do Instituto de Oncoloxía, e no que Valle interviu pronunciando un discurso.
O 12 de agosto, o Ateneo de Madrid promoveu unha manifestación para demandar a posta en liberdade de Mangada que, por circunstancias da vida, coincidira co xeneral Goded no mesmo establecemento penitenciario militar. Valle-Inclán chegou ás 18’15 horas e, tras pedir silencio aos congregados, informou que a xunta de goberno do Ateneo pedira tres días antes a liberación de Mangada. Ás 19 horas comezou a manifestación que se dirixiu primeiro ao Ministerio de Gobernación, na Porta do Sol, onde unha comisión fixo entrega das sinaturas que se recolleran no Ateneo a prol da liberdade de Mangada, e máis tarde partiron en direción ao Congreso
Na tarde do 13, celebrouse no paseo de carruaxes do parque do Retiro un acto de apoio ao goberno ao que asiste Valle cunha representación do Ateneo.
A institución que presidía Valle convocou aos socios para a tarde do día 25 ao acto de toma de posesión de Mangada como vice-presidente da Sección Iberoamericana do Ateneo, cargo para o que resultou elexido mentres permanecía en prisión. Entre otras personalidades asistiron o avogado defensor do militar republicano, González Cuervo, e os ateneistas Antonio de Obregón, Eduardo García del Real, Rubén Salido e Las Navas.
Un dado máis: en marzo de 1933, Valle acompañou a Julio Mangada no triste acto de soterramento da súa filla, Marina.
A foto que ilustra este artigo foi publicada no diario madrileño La Libertad e o mocete que aparece a un lado é o fillo de Valle, Jaime.
(1)-Un dos militares republicanos españois máis coñecidos durante a axitada década dos 30 do século pasado e cuxa figura resulta pouco coñecida actualmente, o chamado 'xeneral do pobo', o tenente coronel de Infantería Julio Mangada Rosenörn.
Julio Mangada Rosenörn (1877-1946) foi, ademáis de militar republicano, autor dun libro, canto menos, “El esperanto al alcance de todos”, que xa en 1925 alcanzara a súa terceira edición, e que adicou a Valle o 2 de marzo de 1935. Cando comezou a guerra civil, ponse ao mando dunha coluna que operou na zona de Gredos. Exiliuose primeiro en Arxelia e despois en México.
|