PRIMEIRA ETAPA
No mes de xullo de 1.890 hai novas eleccións municipais e resulta elixido alcalde don Cayetano Pumariño con 13 votos. As preocupacións da nova corporación eran sobre todo as derivadas do novo cemiterio e traída de augas, e en menor proporción, a anarquía que reinaba na banda de música, de tal xeito que na sesión plenaria do día 26 de xuño, o presidente explica ó resto con concelleiros que “disolta a banda de música deste concello, e sendo necesario á corporación disponer que outra preste os servicios que aquela tiña ó seu cargo, acordouse autorizar ó señor alcalde para que ó expresado fin, conveña coa que dirixe don Joaquín Rubianes as condicións nas ques han de prestarse os citados servicios, sendo una delas, facerse cargo do instrumental que tiña a disolta banda e que o importe deducirase, en prazos razoables, do prezo que se estipula para o pago dos referidos”.
Joaquín Rubianes foi músico fundador da banda de música, e ademais o máis novo de todos eles, e organizara posteriormente a súa propia banda, que era a que agora, aínda que modesta, tiña que contrata-lo o concello para as procesións e festas que se avecinaban en Vilagarcía.
Dende 1.890, e durante dous anos, a banda de música quedará baixo as ordes de Joaquín Rubianes , ben como banda contratada, ou ben como efectiva da cidade.
Durante o primeiro ano no que os músicos de Rubianes actuaron para o concello, este subvencionábaos con 1.000 pesetas, pero no mes de xullo de 1.891, recíbese una petición do mestre Rubianes Otero “manifestando que é pequeña a subvención que percibe polos servicios que presta a dita banda ó concello, e pide polo mesmo, se lle facilite o vestiario que precisas os individuos que componen a mesma, para que poidan presentarse axeitadamente nos actos públicos, ofrecéndose a aumentar en cambio os seus serviciosata onde sexa posible ou necesario”
En principio, o pleno, tras deliberar sobre a petición, acordou non custea-los traxes para tódolos músicos da banda de Rubianes, porque segundo os concelleiros, a banda non reunía as debidas garantías para cumprir tódolos compromisos adquiridos, probablemente debido a que os músicos só podían tocar nos seus momentos de lecer, pero os concelleiros estimaron nembargantes, que as mil pesetas que recibían ata o momento eran pouco e decidiron que se aumentara a 1.500 pesetas anuais a subvención que lles daría no futuro, pero condicionaban o aumento á “obriga de asistir ós paseos da Alameda tódolos xoves e días festivos, formalizándose un contrato no que se fagan constar as condicións necesarias para o percibo da citada subvención, quedando a cargo da alcaldía formular un proxecto do citado contrato dando contas”.
Á semana seguinte, a comisión municipal que quedara encargada do asunto da banda concluirá un proxecto coas condicións que se debían de esixir ós músicos de Rubianes Otero, a cambio da subvención de 1.500 pesetas anuais, e tras ser lida e aprobada no concello, remítese ó director para que este “estudiase ou fixera as observacións que lle parecerán convenientes ou consignase a súa conformidade para dar conta de todo iso”. Ó pouco tempo, Rubianes devolvía o prego de condicións, alegando que non podía asinalo porque eran moitas as condicións que se lle esixían á banda e imposibles de cumprir.
Volveuse de novo a le-lo por parte dos concelleiros, e outra vez máis estívose de acordó en que as condicións eran adecuadas ás posibilidades da banda e a subvención que se lle daba, polo que de novo foi ratificado polo concello.
Entregado de novo o documento a Rubianes, este négase a asinalo polo que o pleno da autorización ó alcalde para que rompa as negociacións e contrate outra banda forasteira que poida asistir ás festas de San Roque.
Case a punto de comezá-las festas, Rubianes fala cos do concello e o día 6 de agosto “manifesta que está dacordo coas condicións que se lle esixían en xullo, polo que acepta íntegro o proxecto de contrato, para prestá-la banda os servicios que dela precise o concello, pola suma de 1.500 pesetas anuais e as obrigas consignadas no referido contrato, que fora suscrito polo interesado, e en virtude del, a alcaldía desistíu de contratar outra banda para os vindeiros festexos, segundo se lle autorizara”
Apróbase definitivamente o proxecto por ámbalas dúas partes, e quédase en sometelo no seu día á xunta municipal, polo que respecta ó crédito ou consignación que se precisa para o pago deste compromiso, toda vez que non alcanza o comprendido para a indicada atención.
A finais do ano 1891, a situación da banda que dirixía Joaquín Rubianes era de verdadeiro deterioro. Eran acusados os músicos de ir mal vestidos, de ensaiar pouco, de ser pouco cumplidores no acadado, de seren poucos músicos polo que as obras musicais non eran interpretadas correctamente, etc. Todo isto determinou que na sesión do día 14 de febreiro do ano 1.892, se acorda romper definitivamente as relacións coa banda que dirixía Rubianes, facendo constar en acta a decisión seguinte: “A Pesar de intimar a don Joaquín Rubianes o acordado pola Corporación en 5 de decembro último, referente a quedar en suspenso o contrato celebrado coa banda de música que dirixe, para os servicios que aquela precisa, mentres que por esta non se cumpran as condicións estipuladas, e o certo é que esta banda continúa no mesmo estado lamentable, este é, sen organización, sen vestiario uniforme e sen asistir ás acedamias para estudios e ensayos, a parte de que, por negligencia, ten en lastimeiro estado de conservación o instrumental, xa case inservible, e de que a banda non conta co número de prazas acordadas como mínimas, polo que considera chegado o momento de adoptar unha solución de carácter definitivo, para que non resulten estériles os sacrificios que o concello se impuxo co fin de contribuir ó sostemento da referida banda”. Despois o pleno acordou rescindir definitivamente o contrato que unía ó concello coa banda de música que dirixía o Sr. Rubianes, á vez que “invítaselle a que desaloxe o local que se lle concedera para academia da respectiva banda”.
A falta dunha banda municipal, fixo que nos anos seguintes o concello tivera que contratar a bandas doutros municipios para anima-las festas. Así, nas do ano 1.894 actuou a Banda Popular de Pontevedra, segundo se desprende dunha noticia relativa á contratación desta banda, anunciada polo xornal local “La Golondrina” do día 5 de agosto.
Do mesmo xeito, en San Roque de 1.895 acudíu a Banda Municipal de Noia, moi importante por aqueles anos, debido sobre todo á categoría do seu director. A prensa de Pontevedra facía o seguinte comentario sobre as festas: “Remataron os festexos de San Roque, amenizados pola excelente banda de música de Noia, que dirixe o inspirado compositor pontevedrés don Felipe Paz. Na fermosa vila de Arousa, reinou gran animación e ledicia, lidiándose catro xovencos polo simpático artista Luis Faure, que formaba parte da agrupación acrobática Deu Totti”
REORGANIZACIÓN DA BANDA
Despois desta separación, debeu quedar a vila sen banda de música, pois nos arquivos minicipais non hai constancia de reorganización musical ata o ano 1.897 en que, sendo alcalde don Castor Sánchez fai un intento de voltar ó antigo esplendor musical dos seus comezos. Sobre todo era nos meses de verán e durante as celebracións religiosas e populares cando unha banda de música se facía máis necesaria, e por iso na sesión municipal do día 28 de febreiro de 1.897, o alcalde plantexa a necesidade de reoganizar de novo a banda, e propón que, en primeiro lugar, se coñeza o prezo do instrumental necesario para a banda, e deciden, por maioría, dirixirse á Casa Carrión e Hijo, de Vitoria, para que lles subministrase tanto o prezo dos instrumentos necesarios para formar unha banda modesta, como as condicións en que poderían ser pagados, xa que os fondos municipais estaban sempre esgotados.
O propio alcalde comeza os contratos coa firma subministradora de Vitoria, e ó mes seguinte, xa ten a contestación que envía ó pleno, explicando que as condicións que poñía a casa para o pago dos instrumentos non podería ser acollida polo concello, xa que esixía o pago ó contado, “e cun aumento do dez por cen sobre os prezos do catálogo por razón do cambio”, motivo polo que, se decidui iniciar novos contactos con outras casas subministradoras de instrumentos, entre as que estaba, por quedar máis preto, a casa de don Canuto Berea, da Coruña, á que se dirixíu en primeiro lugar o alcalde.
Habería de pasar aínda un ano ata que de forma seria se intentara de novo reorganiza-la banda de música, posto que a época de goberno de don Castor Sánchez estivo excesivamente complicada con problemas internos entre os concelleiros, e por isto hai que esperar ó ano 1.898, no que sendo alcalde don José Borruel, ocuparáse definitivamente o concello do problema da banda de música.
O día 12 de marzo, o alcalde Borruel deu conta ó pleno “das xestións que viñeran facendo sobre este asunto, de que a Casa Carrión, de Vitoria, era a que, en máis favorables condicións, ofrecía o mellor instrumental, pois se ben esixe o pago ó contado, fixa un prezo en igualdade de instrumental moi inferior ás outras casas, que asecenderá a unhas cinco mil pesetas, que se poden satisfacer en dous presupostos a que en tales condicións facilite o instrumental ó concello, pagándoo antes á casa”. Propúxose entón dirixirse á comisión de facenda a fin de conseguir que no presuposto ordinario de 1.898-99 se consignasen 3.000 pesetas para a adquisición dos instrumentos.
Con todo, a banda municipal non debía de estar organizada de inmediato, dado que nos arquivos municipais hai datos do mes de xullo do ano 1.898, sobre acordos de pago á banda, indicando, por exemplo, que se lle pagaría ó director 500 pesetas anuais e ós músicos, en diversas proporcións, entre 0,25 e 0,50 pesetas diarias.
Definitivamente, en agosto, o pleno anunciaba a aprobación do regulamento da banda, que fora presentado pola “comisión de festexos”, á vez que se autorizaba o pago das respectivas asignacións, “dado que tódolos músicos acoden con regularidade á academia”.
O concello era consciente dos detalles, sobre todo no aspecto da indumentaria, e por iso, na mesma sesión facíase constar a necesidade de dotar ós músicos dun uniforme, para que non se cegase á situación de que “por falta de uniforme se rexeiten contratos con outras vilas que comezan xa a propoñerse”.
A comisión de festexos adxuntaba un debuxo dos futuros iniformes, así como unha mostra do pano con que se confeccionarían que, segundo a citada comisión, víñase empregando con bos resultados nos carabineiros. En vista de todo isto, o pleno aprobou a subasta de 30 uniformes.
Namentres, foron chegando os intrumentos dende Vitoria, ata que o día 1 de outubro, o alcalde anunciaba formalmente que se recibiran o resto dos instrumentos que quedaban por entregar, e que importaban 1.318,10 pesetas, descontando xa o vinte por cento do imposto de pagos e o timbre correspondente. Por fin, a finais de 1.899, o día 14 de decembro, anunciábase que toda a banda de música dispón de uniforme, tal como se acordara co contratista en agosto. A Banda estaba por fin, definitivamente, organizada.
NOVA ETAPA DE JOAQUIN RUBIANES
Co ano 1.900 iníciase una nova etapa, moi fructífera para a banda, que como noutros tempos, queda baixo a dirección de don Joaquín Rubianes. Había interese por parte das autoridades e do pobo en xeral de que a banda funcionara adecuadamente, posto que Vilagarcía comenzara a ter fama de cidade veraniega e festiva e o número de visitantes aumentaba de ano en ano. Por outro lado, tanto a actividade do porto como do comercio e da industria facía necesario que una banda de música demostrara a capacidade cultural dos seus habitantes.
A banda tiña tres categorías de músicos e como a tal categoría se lle pagaría, segundo se acordara na sesión plenaria do concello do día 2 de febrero de 1.900: “os músicos de primeira pagaríaselles 180 pesetas anuais, os de segunda a razón de 135 pesetas, e os de terceira 90 pesetas por ano. Ó director corresponderíanlle 500 pesetas anuais.
O concello argumentaba que “adquirido xa o instrumental e uniformes para a banda de música que o concello está organizando, faise preciso fixa-la asignación que percibirán os músicos da mesma, pois é sabido que sen algún estímulo pecuniario non é posible ter hoxe unha agrupación artística deste xénero, regular sequera, cando tantos e cuantiosos sacrificios costa a poboacións de maior importancia soste-las súas. Recoñece a Corporación que os recursos con que conta para isto, dado o escaso do presuposto de gastos, son moi limitados e por isto que pequenas teñen que ser tamén esas asignacións, que pola súa pequeña contía.Terán necesariamente máis o carácter de gratificación que de asignación ou haberes”.
A Corporación acordou igualmente que o producto das funcións debería dividirse en 4 partes iguais: tres que se distribuirán ó director e músicos, e a cuarta parte que quedaría como fondo para a renovación do instrumental e uniformes, así como a adquisición de música, podendo empregarse tamén esa parte nas asignacións ou gratificacións da banda, caso de que a cantidade presupostada polo concello non alcalzase nun momento dado.
Decidiuse tamén que a comisión de festexos, fixera os trámites necesarios para dotar á banda dun novo regulamento, xa que o último que se confeccionara en agosto do ano anterior, presentaba moitas deficiencias, a criterio dos concelleiros.
Todo este movemento en pro da música facíase sobre todo gracias ó esforzó do alcalde de Vilagarcía, don José Borruel, pero coa axuda inestimable do tenente de alcalde don Pedro Ferreirós, que pasaría a ser alcalde en funcións dende o 27 de agosto de 1.898, e foi durante o seu mandato accidental cando a banda de música se organizou de forma axeitada.
Nementres don Pedro Ferreirós presidiu o concello, dotou ó municipio de cantas obras lle foi posible. Iniciou o lavadoiro público, solicitou un novo matadoiro e un enlace do peirao co ferrocarril, así como refundi-las aduanas de Carril e Vilagarcía nunha soa. Activou os trámites para o novo cemiterio e os xardíns de Ravella, etc.
Estando Ferreirós como alcalde accidental, tivo a idea de construír un quiosco ou plataforma para que a banda municipal dera os seus concertos, evitando así as molestias do público. Como tiña prisa polo asunto, dictaminou que se reunirán sen máís os carpinteiros do municipio para que cada un presentase prego pechado baixo 500 pesetas do custo do citado quiosco, evitando así o atranco dos trámites da subasta que farían alargar moito a construcción da plataforma para os músicos. Aínda non ós tres meses desta decisión, xa fora adxudicada a construcción ó mestre carpinteiro de Vilagarcía Pedro Galbán, polo prezo de 497,50 pesetas.
Que a preocupación do concello pola banda de música era evidente, amósanolo una serie de detalles acordados polo plenario nas súas diversas sesións. Así, o día 14 de xullo de 1.900, presidindo nesta ocasión o concelleiro don Eduardo Fernández de forma accidental, acórdase amplia-lo número de músicos para a banda, encargando ó xastre don Ramón Boga a confección de cinco uniformes para músicos, e a guerreira do que fora músico Ramón Suárez. Quince días máis tarde escríbese á Casa Carrión de Vitoria para que envíe un clarinete e varios accesorios desde instrumento, a fin de amplia-lo número de músicos, tal como se acorda na sesión anterior.
Xa en agosto, o quiosco, ou plataforma, estaba construido e acordábase pintalo. Como daquela o concello debía pagar con prontitude, o día 24 do mesmo mes, xa estaban entregados os cinco uniformes que se solicitaran.
Durante o ano 1.901, o interese do concello pola banda de música segue en aumento. En xaneiro do dito ano, a comisión de festexos anuncia que de conformidade co encargo recibido do concello, entrégase o proxecto de regulamento da banda, que quedou aprobado por unanimidade, encargando que se impriman o número suficiente de ejemplares para o director e os músicos. O comportamento da banda debía ser tan eficiente que o propio concello recoñecía que as asignacións que recibían tanto o director como os músicos eran escasas, polo que, dado o “excelente comportamento da mesma”, decidiuse que “mensualmente dende o dia un de abril, se aboe ó dito director e músicos unha gratifiación líquida que cubra a baixa polo desconto que sofren os seus haberes”.
Polo demáis, a banda interviña en cantos actos populares foran de interese para o concello, á marxe das súas obrigas contraídas co concello. Así, en xaneiro de 1.901, o semanario “Vilagarcia-Carril”, que se editaba na rúa da Igrexa, 32 da nosa población, facía o seguinte comentario” “A véspera do día de Reis, celebrouse no salón García desta vila, un festival organizado polo semanario “Vilagarcia-Carril”, a favor dos nenos pobres do distrito, e que revestiu a excepcional importancia peculiar a éstes que actúan, demostrando a cultura e sentimentos dun pobo. Ás sete da tarde, despois dun número de música moi ben ejecutado pola banda que dirixe o Mestre Rubianes, o director do indicado semanario Sr. Porto, deu por comezado o acto”
Aínda que en principio parecía un simple acto de caridade, pola importancia das persoas e organismos que colaboraron e a difusión xornalística que se deu do mesmo, converteuse nun feito de certa importancia xa que no mesmo se involucraron o Duque de Terranova, o vicecónsul inglés R.D. Cameron Walker, asociacións culturais do municipio, concello, poetas como Rogelio Lois, Enrique Labarta, Renato Ulloa, Javier Valcarce Ocampo, etc., e os sornáis “Heraldo Militar” de Madrid, “Fray Prudencio” de Caldas, “La Integridad” de Tuy, “La Concordia” de Vigo,”El Liberal” de Madrid, e as adhesións recibidas de publicacións como “La Nueva Navarra” (semanario republicano de Navarra), “La Opinión” de Verín, “La tempestad” de Segovia, “El Eco Marinense”, etc. Por todo isto, a actuación da banda de música foi moi louvada e, por suposto, importante na ornamentación do acto.
Xa a finais de ano, o director Joaquín Rubianes, expón é pleno a necesidade de ir completando o instrumental da agrupación xa que, en propias palabras, comentaba que “ha de continuar respondendo ás esixenccias dos bos aleccionados e chegar a adquirir o grao de perfección que se promete”, e por iso solicitaba dos concelleiros que pensasen na posibilidade de adquirir un novo clarinete, “elemento principalísimo en toda banda medianamente organizada”. O concello recoñeceu de inmediato esta necesidade e solicitou dos subministradores habituais, a Casa Carrión, o envío de clarinete polo prezo de 500 pesetas.
Durante 1.902 segue io interese pola banda e, a comezos do ano, o alcalde fai un novo contrato co xastre do municipio, don José González Otero, para que confeccione catro novos uniformes, e repare os estragados. O director informaba ó plenario que había un número significativo de alumnos da escola de música que xa estaban en condicións de saír á rúa coa banda, e por iso facíanlle falta dúas trompas de cilindro, solistas en si bemol alemanas, que custarían aproximadamente unhas 150 pesetas cada unha, así como un par de pratillos de 10 polgadas que él estimaba poderían custar 85 pesetas.
Ante tal petición, a reacción municipal foi fulminante: “Visto o brillante estado da banda, e tendo en conta que dentro das remesas ordinarias destinadas ó seu sostemento, non debe releárselle nada,e acorda que se adquiran estes tres instrumentos da Casa Carrión e Hijos, de Vitotia, que, a satisfacción, serviu o demais material”.
Por outra banda, a Academia de Música funcionaba de forma que subministraba persoal continuo á banda, facendo necesaria a adquisición de novo instrumental, e en plenas festas de San Roque, o concelleiro encargado da banda de música suxería ó concello a necesidade de aquirir clarinetes sistema Lefevre, de 13 chaves, para a Academia, dado o aumento continuo de educandos que se viña observando.
Naquel tempo, os concertos da banda facíanse cada dúas semanas, e era tal o éxito que o informe municipal falaba de que “entende que, en vista do éxito que a banda está obtendo, pola súa boa organización e polo gusto e afinación que demostran nos concertos dos paseos da praia”, e por iso non era de extrañar que o pleno municipal autorizara inmediatamente a adquisición dos dous clarinetes solicitados, sendo o prezo de 300 pesetas entre os dous.
Coa chegada do ano 1.905, a vida musical vilagarciana seguía organizándose ó redor da banda de música, co alcalde don José Borruel Martí sempre pendente dos seus problemas. Cando o seu director suxire ó concello a compra de tres novos clarinetes, un requinto de ébano, dous pares de pratillos turcos, canas, zapatillas, parches e outros accesorios para o instrumental, o pleno autorízao de inmediato. Ó pleno celebrado o 17 de febreiro, asistiron os concelleiros Amadeo Brumbeck, Luis Maroñas, Miguel Duaso, José Varela, Andrés Saavedra, Manuel Díaz e Miguel López, e era tal o entusiasmo de todos eles, que decidiron que, dado que a banda dende a súa creación “ven servindo a satisfacción a este concello en todo e que se refire a instrumental”, comprarase rápidamente e consirgarase nos presupostos para este ano.
Pasadas as festas de San Roque de 1.905, hai unha petición moi importante para o futuro dos músicos. Ata o presente era o propio director da banda o que se encargaba de dar clases ós alumnos que posteriormente engrosaban a banda, pero o día 25 de agosto, o propio alcalde consciente de importancia da Academia de Música fai o seguinte comentario en presencia de tódolos concelleiros: “Existe a necesidade de que á educación musical se lle conceda algunha máis atención da que se lle ven prestando, se a banda de Música ha responder ás esixencias dunha vila como Vilagarcía e os sacrificios que ó erario municipal veñen impoñéndoselle…”.
Expoñía a continuación que, baseándose neste argumento o propio director da banda, Joaquín Rubianes, nomeara un instructor especial para educa-los alumnos de música, na persoa de don Francisco Pérez Alfonso, que á vez ocupaba na banda o cargo de clarinete principal.
Suxería o director que dito profesor se dedicase íntegramente á educación dos futuros músicos e polo que sería gratificado con unha peseta con setenta e cinco céntimos cada día, a cambio de dedicar á Academia tres horas diarias.
A corporación tiña por aqueles anos tanta devoción pola banda que, a continuación da exposición do alcalde, acordou o seguinte: “tendo en conta o manifestado polo señor presidente, acorda aproba-la súa decisión , sancionando o nomeamento de instructor ou Mestre de educandos da banda de música a favor de D. Francisco Pérez Alfonso, coa gratificación diaria de 1,73 pesetas, que se satisfarán con cargo ó capítulo 9º, artigo 8º , de presupostos e gastos”.
ETAPA INTERINA.
O ano 1.907 é o final de toda unha etapa da banda municipal, o final da era Rubianes. O que durante tantos anos fora o organizador e director da Banda de Música de Vilagarcía, renuncia ó cargo, e envía ó concello unha carta que é lida polo alcalde don Amadeo Brumbeck en presencia dos concelleiros Rogelio Ferreirós, Joaquín Padín, Miguel Duaso, Miguel Martínez, Andrés Saavedra, José Varela e Luis Maroñas, na que comunica que demite do cargo de director “baseándose en que as súas moitas ocupacións impedíanlle continuar prestándolle toda a atención que era necesaria”
O pleno acepta a renuncia e acorda igualmente que se fagan as xestións necesarias para encontrar un novo director, dado que a banda continuaba coa súa liña de xeral aceptación por parte da vila.
Xusto ó mes seguinte, o día 1 de febreiro, recíbese no concello unha proposta do profesor de música don Martín Vázquez, que solicita a praza de director deixada vacante por Joaquín Rubianes. Era por aquel entón xa unha persoa distinguida no mundo da música, polo que a corporación, “tendo en conta que xa é aquí coñecido favorablemente o solicitante, por pertencer nalgún tempo á banda, e vista a certificación do Sr. Coronel do 2º Rexemento de Infantería de Mariña, na que consta que o Sr. Vázquez pertenceu á banda daquel Rexemento e dirixíuna en bastantes ocasións á enteira satisfacción dos seus xefes, acórdase nomealo director da referida banda deste municipio co soldo anual de oitocentas setenta e tres pesetas e trinta e seis céntimos, pagadas por mensualidades vencidas, a razón de 72,78 ó mes, que se satisfarán con cargo á partida consignada no presuposto para gastos de sostemento da banda municipal”.
O novo director decide ó pouco tempo ampliar en instrumentos os que xa tiña a banda, polo que solicita ás autoridades a compra dun clarinete de ébano, así como unha maza para o bombo, e canas de clarinete e saxofón.
Nos dous anos seguintes, segue crecendo o número de instrumentos. Así, pasadas as festas de San Roque do ano 1.908, hai unha nova solicitude dun cornetín apoiándose no feito de que algúns dos alumnos da Academia de Música Municipal superaran as probas para o paso a músicos da banda, e ó ano seguinte é solicitado un fiscornio que custaba por aquel entón 95 pesetas.
É precisamente no ano 1.908 cando a banda ten ocasión de demostrar públicamente a súa categoría, xa que co gallo da visita un tanto de incógnito que o Infante D. Alfonso efectuaba a Vilagarcía o 22 de setembro, pola noite, e fronte á “Fonda Argentina”, que é donde se aloxaba o rexio personaxe, bríndalle unha serenata que as autoridades estimaron moi a gusto do príncipe.
Namentres, a actividade artística musical non se limitaba soamente á banda, xa que as sociedades artísticas ou culturais de Vilagarcía competían en ofrecer espectáculos musicais ou teatrais, tal como o amosa o debut da Compañía de Zarzuela de Canals, que ofreceu no mesmo ano “La Bruja”, de Carrión e Chapí.
Co trasvese de educandos dende a Academia de Música á banda, o número de músicos aumentaba considerablemente, pero aínda así, en xuño de 1.909, o concello estimaba que ante as vindeiras festas patronais debíase dar á vila unha grande mostra de música, e indicoulle ó director que buscara dous músicos extras, ofrecéndolles a cada un deles, 2,50 pesetas diarias mentres tocasen na banda.
Ó iniciarse o ano 1.910, unha grave división municipal orixina que sexan necesarias tres votacións a principios de xaneiro entre os concelleiros electos para a elección de alcalde e tenentes de alcalde. Os concelleiros que forman o concello, o día 1 de xaneiro, son os que quedan aínda resultantes da penúltima convocatoria: Valentín Viqueira Torrente, Eduardo Trillo García Señoráns, Daniel Poyán, manuel Ramos Rey, Alejandro González Olivares Molina, Eduardo Puente Doval e Valeriano Deza García; e os elixidos, na última renovación: Francisco Padín Piñeiro, Juan Quintáns Abalo, José Benito Porto Rial, Eduardo Fernández Fernández, Luis Bouza Trillo, Eugenio Salgado Trillo e Celso García Aboal.
Por fin, o día 6 de xaneiro noméase alcalde a Valeriano Deza García, 1º tenente de alcalde a Francisco Padín, 2º tenente de alcalde a Eugenio Salgado Trillo, e 3º a Daniel Poyán, sendo o novo síndico José Benito Porto Rial. Os problemas locais para a constitución do novo concello estendéranse case sen interrupción á banda de música, aínque que ben é certo que dende había algún tempo a banda arrastraba contratempos e dificultades, que desembocaron na delicada situación de 1.910. As causas destas dificultades eran de presuposto, xa que este se mantiña prácticamente estático e os gastos da banda, así como as esixencias aumentaban ano tras ano, e todo isto, unido ás diverxencias entre os concelleiros, faría posible que o día 31 de xaneiro, o primeiro tenente de alcalde, Sr. Padín, propuxese unha moción ó pleno solicitando a disolución da banda de música.
DERRADEIRA ETAPA DE JOAQUÍN RUBIANES
De feito a proposición de Padín contaba coa bendición do alcalde e o seu grupo de gobernó, ó que se enfrontaba un pequeno grupo de concelleiros formado por Eduardo Fernándes, Luis Bouza Trillo, e Celso García Aboal. Era este último o que, como cabeza visible, se enfrontaba á moción, alegando que xa él presentara con anterioridade un proxecto de regulamento para reorganiza-la banda, o que suporía na práctica un acoplamento dos músicos ó novo regulamento, sen necesidade de disolución, e por iso estrañáballe a moción.
O presidente e o seu tenente alcalde replican de inmediato, alegando: 1º.- Que non era culpa deles que non se estudase o regulamento. 2º.- Que o diñeiro que suporía o novo regulamento estaba moi por riba das posibilidades do presuposto municipal. 3º.- Que cando se organizou a banda en anos anteriores, funcionaba moito mellor, con bastante menos diñeiro, ó que engadía o síndico Porto Rial, que de calquera forma a reorganización da banda trala súa disolución “será inmediata”.
Como non había xeito de porse dacordó, someteuse a votación, dando como resultado que Poyán, Ramos, Olivares, Puente, Padín, Quintáns, Porto, Salgado e o alcalde Deza votaron a favor da disolución, mentres que o equipo formado por Fernández, Aboal e Bouza, opoñíase, con que a banda, automáticamente, quedou disolta.
Apenas pasado un mes, preséntase una moción do síndico Sr. Porto, pola que propón ó pleno que se nomee ó xa coñecido exdirector da banda, Joaquín Rubianes, para que organice a nova banda municipal “inmediatamente por estar moi preto as festas de Semana Santa, e non dar espera para discutir un novo regulamento, cousa que pode facerse despois desas festas con máis tempo para isto”.
Como Aboal protestara de novo dicindo que xa había un proxecto presentado por él, Porto calmouno dicíndolle que no fondo estaba de acordó co seu proxecto de regulamento en grande parte, pero que non era cuestión de debátelo agora, xa que as festas achegábanse e o máis prudente era solucionar este problema canto antes, razón pola que interveu como mediador Fernández para proponer, como primeira medida, nomear a don Joaquín Rubianes Otero “director que foi da banda municipal, para que, con carácter de interinidade, organice una banda que cubra o compromiso das procesións de Semana Santa, sen prexuicio de que pasadas esas festas, se discuta e acorde un novo regulamento e que, con arranxo a él, se organice esa banda de forma definitiva”, o que foi aprobado, por unanimidade, xa que na práctica non supoñía formar una nova banda municipal, senón simplemente organizar unba banda por parte de Rubianes que traballase eses días para o concello.
De feito, a dirección de Rubianes notouse de inmediato, xa que no mes de marzo consegue que o concello compre un par de pratillos, así como un bombo que substitúa o que xa existía, vello e pouco manexable.
Durante o mes de maio, discutiríase o problema do regulamento e por conseguinte a reorganización da banda. A primeiros de mes, preséntase o proxecto de regulamento que elabora o concelleiro Aboal, tal como se acordara na sesión anterior ás festas de Semana Santa e, como era de esperar, o tenente de alcalde, Padín, impúgnao na súa totalidade cando todos pensaban que gran parte do mesmo era aproveitable, tal como expusera Porto, en calidade de síndico do equipo de goberno.
En resume, o problema partía de que este regulamento suporía un notable aumento da nómina da banda e no seu mentemento, polo que, a pesar dos intentos de moderación dos concelleiros Porto e Fernández, quedouse en discuti-lo asunto noutra sesión, reformando moitos dos seus artigos.
A finais de mes o que fai Padín é presentar un novo regulamento e, como era de esperar, este é impugnado na súa totaliade por Aboal, co que se chega á situación de ter que discutir artigo por artigo, e ó remate do pleno acórdase, en principio, admitir dúas suxerencias de Aboal: que a custodia do arquivo da banda dependa do director da mesma e que as faltas que ocorran en dito arquivo sexan responsabilidade absoluta do mesmo.
Por último, aprobase o soldo anual do director, que queda fixado en 1.250 pesetas, a percibir por mensualidades vencidas e, para evitar vencedores e vencidos, hai unanimidade en que se reúnan os opoñentes, Padín e Aboal, para que, conxuntamente, ultimen a redacción do problemático regulamento.
Cando por fin se reúne de novo o pleno para discuti-lo regulamento, a sorpresa non radica en que Aboal discrepe nalgúns artigos, senon que rexeite todo, agás o artigo que fala do arquivo da banda, e como se lle preguntara que xustificase a súa negativa, alegou o seguinte:
Primeiro.- O artigo 27, se ben consigna que a banda ha de comporse dun director, un subdirector, partes primeiras, segundas, terceiras e educandos, non dí o número correspondente a cada grupo, nin se fixan as asignacións, a non ser que para o director, prestándose esto a que á vontade dun alcalde poidan aumentarse prazas de músicos e soldos sen límite, ó extremo de que a banda custe máis das 15.000 pesetas, que o que suscribe, fixaba no seu proxecto de regulamento.
Segundo.- O artigo 4º fixa como xefe da banda ó alcalde e o director. Este non pode ser máis que xefe artístico, pero non pode, en ningún momento, ser xefe administrativo, sen menoscabo das atribucións que competen ós señores concelleiros. Ademais que, a tenor dos artigos 7º e 8º, a admisión e cesantía dos músicos é a proposta do director, sen intervención ninguna da corporación, facultades excesivas a xuízo do que suscribe. E máis que a banda municipal non pode ser contratada sen oír previamente ó director da banda. Nunha palabra, que o director da banda é o único xefe da mesma, posto que o alcalde non pode utilizala nin modificala sen consentemento expresa do mesmo.
O ano 1.911 non rexistrou especiais problemas para a banda de música, cando menos a nivel de concello e só a compra dunha trompa de cilindros nos tons de fa, e dunha frauta metálica de 10 chaves, cos seus correspondentes accesorios, mereceu ser escrito no libro municipal. Probablemente problemas de moita máis gravidade, tal como a traída de augas e o alcantarillado ó concello, o cemiterio inglés, o camino de Revelle, as marismas e a súa urbanización, ou a subasta dos arbitrios, fixo que as diverxencias sobre a banda de música quedaran soterradas ata a chegada de 1.912.
O ano empezaría mal, posto que, en xaneiro, houbo que facer votacións entre os concelleiros para elixir equipo de gobernó, e sucedeu algo insólito na historia das eleccións municipais en Vilagarcia: ¡Houbo empate entre Valeriano Deza García e Eduardo Fernández Fernández, con 6 votos cada un. Decidiuse que a designación se fixese extraendo una bola do bombo, que se usaba para o sorteo dos quintos. Sacou una das bolas o alcalde interino, Valeriano Deza, e resultou se-lo seu nome o que apareceu na bola, co que, por curiosa circunstancia do azar, pasou a ser o novo alcalde democrático. Como nas eleccións para primeiro e segundo tenente de alcalde houbo tamén empate, fíxose necesario o uso do bombo dos quintos para que saísen Eugenio Salgado Trillo e José Benito Porto Rial. Por sorte non fixo falta o bombo para o cargo de terceiro tenente de alcalde, que recaeu en Manuel del Oro Porto.
Cando se votou para síndico tamén houbo empate a seis, polo que se recorreu ó bombo para ver si saía Francisco Padín Piñeiro ou Remigio Valladares Puig. O presidente introduciu as dúas bolas no bombo, deulle as voltas de rigor e cando estaba nesta tarefa, preguntoulle a Aboal se podía examina-las dúas bolas, ó que se negou o alcalde, polo que o concelleiro da oposición dixo que “a una desas bolas víaselle un papel branco que a distinguía da outra, e requiriu ó notario Sr. Barreiro, que dese fe disto na súa acta”.
Con todo, saíu síndico o partidario do alcalde Francisco Padín, e a guerra municipal quedaba aberta. Ata a metade de ano non houbo problemas, gracias a que as contas da banda de música foron aprobadas ó ter mayoría o alcalde, en ocasións debido a que fallaron moitos concelleiros da oposición, tal como o 20 de abril en que, de sete concelleiros que foron ó pleno, cinco pertencían ó equipo de goberno, e dous á oposición. O problema chegou o día 8 de outubro, cando se presentaron ó consistorio as contas da banda de música dos meses de xuño, xullo, agosto e setembro, que correspondían ós haberes dos músicos, que foron rexeitdas pola oposición ante o que o presidente díxolles claramente que, ou ben aprobaban as mensualidades, ou ben habería que disolve-la banda. A isto respondeu a oposición por boca dos concelleiros Fernández e Aboal, dicindo que na súa opinión non debía tomarse ningún acordo ata que se resolvera a alzada que o grupo de oposición elevara ó gobernador, relativo á petición dun pleno extraordinario no concello sobre varios asuntos, entre eles o da banda de música, ó que se opuxera sistemáticamente o alcalde. Alegaban tamén que, en principio, eran partidarios de que a banda continuase, “pero sí que se modifique o regulamento polo que se rexe e se organice suxeitándoa ó concello, e non só ó alcalde, como contra a súa vontade e proxecto de regulamento que presentara. Que as nóminas non aprobadas, fórano, como se expuxo ó negarlles aprobación, porque non se tiña cumprido o regulamento e os músicos non tocaran nos días que aquel fixa”.
Ante as proposicións tan distintas e a discusión que se organizou entre os concelleiros, o presidente optou por prantexar ó pleno a sinxela pregunta de se se aprobaba ou non o pago das nóminas da banda, correspondentes os meses de xuño a setembro, ambos inclusive, entendéndose o problema en que “se non se aprobaban, iso significaba a disolución inmediata da banda de música de Vilagarcia”. A isto responderon os da oposición que, aínda que votaran en contra, non significaba que desexaran a disolución da banda, “pois son partidarios da súa continuación, nas condicións antes expresadas polo Sr. Aboal”.
Púxose a votación o problema das nóminas co fracaso do equipo do alcalde, co que votaron ademais Porto, Padín, Quintáns e González; e, en contra, Del Oro, Brumbeck, Fernández, Aboal, Pérez, Bouza e Valladares. Total, cinco votos a favor da proposta, e sete en contra.
Isto supuxo con todo a disolución, porque realmente non existía esta intención por parte de ningún concelleiro do municipio, e por iso ós dez días, hai unha nova reunión para seguir co tema do pago das nóminas indicadas.
Nesa reunión falou primeiro o concelleiro Eduardo Fernández, por parte da oposición, para exponer que “por continuar incumprido o regulamento da música e porque nesas nóminas figuran músicos que non tocaron en público, non cumprindo as súas obrigas, dende o mes de xaneiro, non presta a súa aprobación a tales nóminas”. Como o alcalde lle pedira que citase algúns dos músicos que non tocaran, Fernández comentou que, por exemplo, un, chamado Juan Aguiar estaba incluído entre os que non tocaban, ó que contestou o alcalde que o tal Aguiar estivera enfermo ata xullo e que dende ese mes xa se incorporara de forma normal ó resto da banda.
Para máis lío o tamén opositor, Aboal, comentou que a banda “non responde ós fins para os que foi creada”.
José Benito Porto Rial, intentou aproximar posturas sen perturba-los ánimos e por iso comentou que non tiña fundamento ningún para nega-la aprobación de tales mensualidades, xa que “os músicos están ás ordes da alcaldía, tocaron os días que o tempo lles permitiu, e o obreiro que traballa ten dereito a que se lle pague o seu haber, e aínda no suposto de que non tocase en día hábiles, que non se deu, a responsabilidade sería do alcalde que así o dispuxese ou consentise, non dos músicos”.
A pesar das boas intencións de Porto, o grupo que comandaba Aboal opúxose, polo que houbo que recorrer ás votacións, que de novo gañou a oposición, por seis votos contra catro.
A raíz da última reunión, a banda efectivamente non se disolveu, pero si houbo unha “suspensión”, ó dicir do alcalde, polo que a partir do ano 1.913, todo seguiu igual cos problemas rutinarios da aprobación das mensualidades para a banda, e efectivamente, o día 3 de xaneiro de 1.913, faise saber que “a Corporación, despois de facer un estudio do regulamento polo que se vén rexendo a banda de música do municipio, acorda que nada hai que modificar nese regulamento, no que está prescrito todo o que interesar poida para a boa organización e marcha da banda, e que alzándose a suspensión que rexía respetco da dita banda, continúe ésta funcionando a partir do día de hoxe e que así se lle participe ó director da mesma, Sr. Rubianes”.
No fondo, ninguén tiña interese en que desaparecera a banda e as discusións que sobre ela xurdían nos plenos non eran senón a expresión das diverxencias que existían entre os concelleiros sobre a problemática xeral do municipio.
Por outra parte, a agregación a Vilagarcía dos municipios de Carril e Vilaxoán, supoñía na práctica certos cambios entre os grupos de concelleiros, e de feito foron aprobadas as mensualidades nos sucesivos plenos, a pesar da oposición dalgúns concelleiros.
Durante o ano 1.915 apenas houbo problemas municipais a causa da banda e o concello, aínda coa oposición dalgúns concelleiros como Del Oro, Valladares e Pérez, seguíu aprobando e pagando as mensualidades da nómina da banda municipal, no que o custo era bastante similar entre os diversos meses, así o custo da nómina en xaneiro foi de 1.010,15 pesetas, o de maio 920,35, e o de xullo 929,85 pesetas.
Durante este ano a prensa local tomou partido a favor da mellora da banda de música, tal como o acreditaban os dous artigos seguintes, publicados bno xornal “Galicia Nueva”:
2 de decembro de 1915:
“Poucas organizacións municipais foron obxecto, no noso pobo, de discusións e suizos tan variados como foi, e aínda é, a banda de música. Sobre todo na sala capitular do noso consistorio, a batalla librada ó redor da filharmónica agrupación, foi enconadísima e violenta, sen que diso saíse nada práctico, porque nin se da disolto como pediron uns, nin se organiza como desecaban outros. De todas aquelas proposicións, non queda nada, e hoxe a banda, sen instrumentos nin prazas suficientes, desempeña grandemente o seu cometido, fai un bo papel, e esto e verdadeiramente milagreiro. Da unanimidade de soste-la banda folga falar, porque se algún se lle ocorrese a idea de disolvela, é posible que provocara un conflicto de orde pública, porque o pobo está encariñado con ela e non sería do seu agrado perdela, e sobraríalle razón.
Descontado este suposto, hai que pensar en dotala do necesario ata o punto de poñela en condicións de que conquiste dentro e fora da vila lauros e diñeiro. Lauros, porque a pouco que aumentase a dotación da mesma, complétase. Diñeiro, porque estando ben dotada, tería moitos e bos contratos.
Quizais haxa algúns edís, furibundos economistas, que se oponían a que se aumentase unha soa peseta nese concepto. Nós a eso dicimos que cometen un clarísimo erro. A banda é, de tódolos organismos municipais, o máis popular e todo canto ó seu sostemento se gaste, o pobo darao por ben empregado. Opoñerse ó seu engrendecemento é facer labor antipopular e hai que suponer que ningún concelleiro quererá incorrer neste pecado. Polo tanto esperamos que no vindeiro exercicoo consignarase o necesario para que dentro de poucos meses teñamos unha banda tan completa e dotada que poida ser para Vilagarcía un motivo de lexítimo orgullo”
10 de decembro de 1.915:
“Teimamos. Porque prometemos teimar, en primeiro lugar, e porque son moitas as persoas que se nos acercaron para alertarnos, da prosecución da mellora da banda municipal. Ó tratar este popularísimo problema, no noso artigo anterior, tiñamos por descartado a boa acollida que a cuestión tería. Ninguén, absolutamente ninguén, se nos achegou coa opinión en contra. Toda veciñanza quere que o organismo se complete porque, unha vez dotada, será menos gravosa ó municipio porque terá contratos fora das festas oficiais e proporcionará ingresos ó municipio.
Aparte disto, Vilagarcía, polo seu Nome e as súas condicións excepcionais debe ter unha banda de música en armonía co seu rango social. Unha banda incompleta é, nesta vila, coa súa cualidade de porto internacional, e coa estación veraniega, unha nota grotesca, ridícula, que sentonaría coa distinción que caracteriza as nosas aristocráticas sociedades de recreo e coa nosa maneira de face-las cousas en grande, distinguíndose nesto de tódalas Vilas que nos igualan en población.
Alguén con máis autoridade ca nós dixo que Vilagarcía era a primeira cidade do mundo, con relación o séu censo, naturalmente. Esa honrosa declación dun extranxeiro louva o noso sentimento vilagarcián, non polo que isto ten de losonxa, máis ben pola xustiza que o informa , pois é evidente que a nosa vila encamiñou a súa vida social pola corrente das grandes urbes. Quizais por iso vimos en múltiples ocasións na nosa bahía grandes frotas extranxeira, algunha delas conductoras de testas coroadas e príncipes de sangue que, coas súas visitas, contribuíron a engrandece-lo nome querido da nosa vila. Aquí estivo a raíña Alejandra de Inglaterra, o príncipe de Batembreg, o duque de York, o príncipe de Gales, a exemperatríz Eugenia. Por aquí desfilaron D. Alfonso XII, a raíña Mercedes, D. Alfonso XIII, a raíña Cristina, a princesa de Asturias, as infantas Isabel e Mª Teresa, os infantes Carlos e Fernando. Fomos, así mesmo, honrados coas visitas das grandes figuras da política Cánovas, Canalejas, Solvela, conde de Romanones, cos altos cumios do exército, da mariña. Das letras e as artes; Weyler, Eulate, Barriere, condesa de Pardo Bazán, AlfredoVicente, Gómez Carrillo, Sorolla, Benlliure, e outros centes que sería pesado citar.
No noso peirao desembocaron numerosas caravanas de turistas estranxeiros, peregrinos da arte e da beleza incomparable dos nosos campos e da nosa ría.
Por riba da carroña con que uns e outros se comportaron, por riba das loitas interiores con que eses pobres de espírito se disputaron a piltrafa do prosuposto, o nome da vila sobrenadou sempre para aparecer en todo momento esplendente sobre o mar de fango que aqueles axitaron.
¡Deixade agora que por un mísero puñado de pesetas, por unha cantidade risible de pesetas, continúe perniquebrada a banda de música; deixade que en medio de tanta grandeza, destaque ese desamor á arte, esa nota de incultura impropia dunha vila como a nosa! ¡Atrevédevos a mancha-lo grande cadro con ese ridículo borrón!
Queremos crer, porque debemos crelo, que non hai ninguén capaz de asumir tal responsabilidade.Por aquilo e por isto, insistimos e insistiremos para que o contraste desapareza. Unha vila con nome tan grande non pode presentarse en parte ningunha cunha banda tan pequena, máxime cando o remedio non custa máis ca unha cantidade mesquiña de pesetas”.
Por aqueles anos, a actividade artística no municipio era tal que, en ocasións, a prensa alertaba sobre os horarios e a posibilidade de que a actuación da banda supuxera o non asistir a outro espectáculo, tal e como se pode ver no artigo aparecido no xornal “Galicia Nueva” o día 21 de xuño de 1.915:
“O paseo celebrado onte nos xardíns, amenizado pola banda municipal deu comezo ás oito do serán; supoñemos que o horario non perdurará nos paseos da tempada porque se imos a asistir a eles, teremos que comer a unha hora intempestiva e despois acudir ós salóns de espectáculos que tamén comezan as súas primeiras sesións ás oito”
Non era de estrañar tal actitude da prensa, xa que daquela en Vilagarcía había espectáculos teatais suficientes como para ter que dispor de varios días para asistir ós mesmos. Por ejemplo, no Salón García actuaba por aquela tempada a Compañía de Enrique Beut e o Mestre Senra, que poñían en escena sucesivamente as zarzuelas: “Los cadetes de la Reina”, “Cabalería Rusticana”, “La Generala”, “La venta de don Quijote”, e “El molinero de Suiza”, espectáculos que doitaban comezar ás nove coarenta e cinco do serán.
No Café Inglés, por aqueles mesmos días, actuaban as bailarinas e “canzonetistas” Hermanas Villa, namentres que no Salón Varietés iniciaba as súas actuacións a chamada artista de altos vós, La Bella Mora.
Había pois, efectivamente, moito onde elixir e era necesario que os horarios se acomodaran ó público.
Durante o ano 1.916, a vida musical continuou una súa forma habitual xa prácticamente sen líos, e as actuacións da banda supuxeron uns ingresos de 1.025 pesetas, das que lle corresponderon ó concello 205 pesetas, polo 20% do total.
O día 23 de xullo de 1.918, aparece un artigo no xornal “Galicia Nueva” que pode sintetizar, tanto a situación da banda de música, como a súa relación coa vila e coas autoridades locais. O artigo, asinado baixo as siglas J. de L., comenta ó principio a triunfal vida que tivo a banda dende a súa creación, ata chegar á época actual, da que comenta: “Volveron os días negros dos enconos políticos e dos duros embates da enconada loita; nin a música se viu libre. Da súa disolución, baixo o pretexto de constituir unha carga insoportable para o presuposto, fixeron arma os distintos grupos políticos en repetidas ocasións. Chegou a pedirse o arraso da colectividade e a cabeza do seu director. A cegueira da bandeira puxera unha espesa nube nos cerebros, e o voto á suprema razón, eclípsao sobre todo”
“Os días transcurrían inquedos e o porvir presentábase indeciso, por non chamarlle pavoroso”
“Na tarefa antipopular de mante-lo incendio, poñían os seus maiores arrestos. Chegou a palparse o desastre e, por milagre providencial, non desaparecemos”.
“Todo cae una liña das pasións e alí xace sepltado todo o que un pobo debía manter en alto. Todo menos a banda de música que sobreviviu, salvada polo sentimento popular que a erixira en ídolo”
“A banda de música non é un organismo municipal, non é un grupo partidista, non é un instrumento ó servicio de que máis pode, é unha conquista do pobo, desligado de intereses pequenos de mesquiñas ambicións persoais”
“Tal hoxe atópase dende o punto de vista artístico, a banda de música pode ostentar con orgullo o nome da nosa vila, onde queira que se presente, a pesar de certos lunares que nela se advirten, fillos, evidentemente da falta mesquiña de dous ou tres instrumentos máis. Dótese, céguense estas pequenas lagoas e unifórmese de novo para quitar os mestres ese pobre aspecto con que van vestidos; fágase presentable, nunha palabra, e a banda de música volverá a estremecer as masas populares que a queren, e o aplauso volverá a resoar no holocausto de quen tal faga”. Asinado: J. de L.
Efectivamente foron aqueles anos de intensa actividade partidística e de escasos recursos municipais, en que habitualmente saían perjudicadas as partidas culturais e por iso a banda tiña máis problemas que outros aspectos da vida vilagarcián, tal como as estradas, a traída de augas, etc., pero a isto tíñase que unir o terrible problema sanitario xurdido coa epidemia da gripe que, iniciada en Vilaxoán, estenderíase rápidamente por todo o municipio facendo máis difícil o labor do alcalde D. Valentín Viqueira Torrente, e dos seus tenentes de alcalde, D. Teodosio González Pérez e D. Francisco Padín Piñeiro, e a do síndico D. Eugenio Salgado Trillo.
1.919 puido se-lo ano en que Vilagarcía contara con dúas bandas de música, dunha parte a municipal, que seguía a súa vida normal, salpicada polas incidencias do comentario publicado en “Galicia Nueva” no ano anterior; doutra, a que se estaba formando polo grupo patriótico chamado “Exploradores”, e que a comezos do ano, recibía clases por parte do mestre D. Lutgardo López. Segundo informaba o xornal local “Galicia Nueva”, a formación musical era tan boa, xa daquela, que se contaba face-la presentación desta nova banda nunha misa parroquial, tan pronto se terminaran os últimos uniformes que se estaban confeccionando en Madrid.
Esta organización de “Exploradores” tivo notable influencia a comezos do século XX, formando parte da mesma numerosos xóvenes, entre eles o mesmo Fermín Bouza Brey, que nalgunha ocasión escribiu algún artigo sobre a asociación. O director desta banda en formación, anunciábase na prensa local como “Mestre de solfeo. Leccións a domicilio. Lutgardo López. Vilagarcia”, cando menos ata o ano 1.920, desaparecendo despois esta propagando en “Galicia Nueva”.
Durante o ano 1.920, ademais dos concertos no municipio, a banda municipal fai saídas a outros concellos, algunha delas para facer serenatas, tal como a ocorrida o 27 de decembro, cando acudiu á Pobra do Caramiñal para avasallar ó coñecido Sr. Gasset.
Coa chegada de ano 1.921, a afección popular á música mantense como en anos anteriores e como proba pode servi-lo anuncio que con frecuencia sae na prensa local: “Mundial Música publica dezaseis páxinas ó mes de música selecta, bailabre, cuplés, etc. Venta P. Tarrago”, pero un feito tráxico cae sobre a banda: o pasamento do seu director o día 27 de agosto. “Galicia Nueva” publica a esquela de “D. Joaquin Rubianes Otero, director da Banda de Música, finou á unha da tarde de onte… asistir á conducción do cadáver ó Cemiterio, que terá lugar hoxe, ás seis da tarde.- 28 de agosto de 1.921”
Ó enterro asistiu unha comisión de concelleiros presidida polo alcalde Sr. Viqueira, e a banda de música con crespóns negros, acompañou a don Joaquín Rubianes, “deixando oir durante o traxecto sentidas marchas”. Dicía a prensa con este motivo que “foron moitas as persoas de tódalas clases sociais que acudiron tamén a render o derradeiro tributo ó estimado amigo”.
Joaquín Rubianes entrara a formar parte da banda cando apenas contaba 12 anos de idade, e con él desaparecía toda unha época na historia musical de Vilagarcia.
Todo o seu intenso labor musical tivo como pago, por parte municipal, unha moción no pleno do día 31 de agosto, no que se acordou “conceder gatruitamente en aluguer, por cinco anos, o nicho nº 108, para inhuma-lo cadáver daquel, e que se lle pague por enteiro a mensualidade de agosto corrente a súa viúva”.
Foi dende logo pouca compensación que recibiu pola súa contribución musical ó municipio, e tal vez puido influir nel a amarga traxedia que naqueles días estaba vivindo Galicia e España enteira pola guerra de África, tralo levantamento de Abd el Krim. A Comarca, como o resto de Galicia, estaba impresionada polo levantamento e a grande cantidade de mortes de soldados que isto ocasionara, entre eles a dun vilagarcián, o lexionario Luis Otero. Prácticamente a prensa adicaba a metade das súas páxinas a estes feitos, e probablemente a morte de Rubianes non tivo a sona que debera a causa desta traxedia.